Friday 29 de March de 2024

Un cento de alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música Magariños de Brión actuarán no VIII Festival de Música de Cámara


Terá lugar no salón de actos do centro social polivalente o martes 20, xoves 22 e venres 23 de marzo, ás 20:00 horas

O salón de actos do centro social polivalente de Brión acollerá mañá martes 20 de marzo, ás 20:00 horas, a primeira das tres actuacións do Festival de Música de Cámara (FECAM 2018) da Escola Municipal de Música Magariños, que este ano chega á súa oitava edición. As outras dúas actuacións terán lugar o xoves 22 e o venres 24 de marzo no mesmo escenario e á mesma hora. Nos tres casos a entrada é de balde ata completar aforo.

O director da ESMU Magariños, Carlos Pintor, explica que “decidimos facer o concerto en tres partes porque pensamos que é máis cómodo para o espectador xa que son 95 intérpretes e 54 pezas de bastante extensión, polo que os tradicionais dous concertos serían demasiado longos”. Un Festival que naceu na Semana Santa de 2011 porque “o repertorio camerístico constitúe o medio idóneo para que o alumnado desenvolva o sentido da afinación e poida poñer en práctica unha serie de aspectos técnicos e instrumentais que adquiren na súa aprendizaxe”, indica Pintor.

Concerto do martes

Na sesión de mañá martes 20 de marzo están programadas un total de 22 pezas clásicas a cargo dun total de 52 intérpretes, xa que a maioría son pezas interpretadas a dúo ou en trío entre as que figuran algunhas moi coñecidas como a “Oda á alegría” de Beethoven. O VIII Festival de Música de Cámara FECAM 2018 está organizado pola Escola Municipal de Música Magariños e conta coa colaboración do Concello de Brión, da Deputación da Coruña e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.